Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta reune aos gañadores de Parlamento Xove e Euroscola nunha xornada de convivencia no albergue xuvenil de Gandarío


Trátase de ‘dúas iniciativas que ofrecen experiencias e oportunidades aos mozos e mozas e actúa como un apoio que pode potenciar as súas competencias e capacidades transversais, así como aumentar a súa motivación para seguir aprendendo’, explicou a titular do departamento autonómico

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe aos mozos e mozas dos equipos campeóns e subcampeóns do programa Parlamento Xove e do equipo galego gañador do concurso Euroscola, un premio outorgado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pola súa participación nestas iniciativas. Trátase de 31 mozos e mozas que durante tres días comparten un programa de ocio educativo, incluíndo unha actividade formativa en oratoria no albergue xuvenil de Gandarío.

Vázquez tivo a oportunidade de escoitar de primeira man a súa experiencia participando nestas iniciativas da Xunta de Galicia. “Esta xornada de convivencia convértese nun punto de contacto dos participantes nos programas Parlamento Xove e Euroscola, dúas iniciativas que ofrecen experiencias e oportunidades aos mozos e mozas e actúa como un apoio que pode potenciar as súas competencias e capacidades transversais, así como aumentar a súa motivación para seguir aprendendo”, subliñou a titular do departamento autonómico.

No caso do programa Parlamento Xove están a participar nesta fin de semana de ocio educativo os rapaces e rapazas dos equipos gañadores deste programa no 2018: o Colexio Plurilingüe San José – FEC de Lugo, na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria, e o IES de Becerreá, na categoría de Bacharelato; así como os mozos e mozas dos equipos subcampeóns: o CPR Maristas A Inmaculada de Lugo e o Colexio Internacional Sek Atlántico de Poio, nas categorías de ESO e Bacharelato, respectivamente. E no caso do programa Euroscola, un concurso convocado pola Oficina de Información do Parlamento Europeo en España, están a participar nesta xornada os mozos e mozas do equipo do IES Pedra da Aguia de Camariñas, equipo gañador deste concurso na comunidade autónoma galega.

Cecilia Vázquez rematou a súa intervención felicitando a participación destes mozos e mozas nestes programas e animounos a seguir apostando pola súa formación en capacidades. “O capital humano e social da xuventude é un dos maiores activos de Galicia para o futuro. Debemos seguir investindo no potencial que representan miles de mozos e mozas galegos en termos de capacidades, creatividade e diversidade”. “As accións que se desenvolven fora das aulas, poden axudar tamén aos mozos e mozas a adquirir a combinación correcta de capacidades a fin de preparalas para a vida e o emprego”, engadiu.

Parlamento Xove
Parlamento Xove é unha competición de debate que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a xuventude galega. Trátase dun programa no que os equipos participantes empregan a oratoria para defender un posicionamento acerca dun tema proposto pola organización. Os compoñentes de cada equipo, formado por catro alumnos/as e un profesor, investigan e debaten sobre o tema proposto.

A dificultade da actividade radica en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, “a favor” ou “en contra”, en relación a cuestión formulada. Así na final de Parlamento Xove 2018, que descorreu o pasado 5 de maio no Parlamento de Galicia, o tema dos debates foi A experiencia acumulada nun ano sabático pode ser de gran axuda para orientar os intereses académicos e laborais da xuventude europea antes de que inicien a súa etapa universitaria. ¿Debería existir un plan de financiamento europeo destinado a tal fin?

Como novidades da edición deste ano, os equipos gañadores de cada categoría recibiron ademais do premio dunha viaxe valorada en 5.000 euros, esta fin de semana de ocio educativo e no caso do equipo gañador da categoría de Educación Secundaria Obrigatoria a participación na fase nacional do concurso de debate escolar nas Cortes Xerais, organizado pola Conferencia de Presidentes e Presidentas de Parlamentos Autonómicos

Na edición do 2018 participaron neste programa un total de 42 equipos (23 de Educación Secundaria Obrigatoria e 19 de Bacharelato) sumando un total de 210 participantes (168 alumnos/as e 42 profesores).

Euroscola
Euroscola é unha iniciativa pedagóxica organizada pola Oficina de Información do Parlamento Europeo en España, en colaboración coa Representación en España da Comisión Europea, a Secretaría de Estado para Asuntos Europeos e a Secretaría de Estado de Cultura.

Na edición do 2018 de Euroscola participaron un total de 240 equipos educativos de toda España, dos que 15 están a participar no programa Euroscola do Parlamento Europeo en Estrasburgo, sumando un total de 360 mozos e mozas que viaxarán a esta cidade para coñecer o Parlamento Europeo. No caso da Comunidade Autónoma de Galicia, o equipo gañador foi o IES Pedra da Aguia de Camariñas.

Esta edición estivo centrada na celebración no 2018 do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, cuxo lema é O noso patrimonio: onde o pasado se atopa co futuro. O obxectivo desta convocatoria foi reflexionar cos mozos e mozas sobre o que significa o patrimonio cultural europeo. O patrimonio cultural une a través da súa historia e os seus valores comúns. Non só é un valor do pasado, tamén nos axuda a crear o noso futuro como europeos e atopar camiños comúns de entendemento e unión.

O concurso consistiu na elaboración dun vídeo cunha duración máxima dun minuto e medio,
cuxa temática se basease nalgún dos obxectivos do Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Neste senso, o equipo do IES Pedra da Aguia centrou o seu video no Faro Vilán e no encaixe de Camariñas.